Brañas

 

Antes de que o home habitase este lugar, existían xa aquí unhas brañas. As brañas son terreos frecuentemente inundados a causa da natureza arxilosa do seu solo. O campesiño transformaba as brañas canalizando a auga, diminuíndo ou regulando a súa humidade, para poder aproveitar no verán a herba fresca para o seu gando. Nelas medra unha vexetación típica e específica. Son tamén lugares moi ricos en biodiversidade animal: aves, anfibios, insectos, invertebrados en xeral...

En moitas ocasións, a principal riqueza da braña para o home era a extracción do barro do seu chan co que poder fabricar tellas, ladrillos e toda clase de obxectos cotiáns de olaría e cerámica. Ao explotar estes xacementos, con moita frecuencia formábanse fondas depresións no terreo que, ao esgotarse a veta ou capa de arxila, se abandonaban. Podían quedar aqueles convertidos unicamente en fosas escavadas, sen vida. Pero tamén podían inundarse completamente de forma natural, formándose así lagoas artificiais que axiña eran colonizadas por animais e plantas. Hai numerosos casos en Galicia.

Cando no último século a explotación se fixo máis intensa e con maquinaria máis potente, foi posible aproveitar capas máis profundas e extensas de arxilas, creándose fortes impactos na paisaxe. Pero o home tamén é capaz de imitar a natureza, e tras obter desta o beneficio do barro, é posible borrar as pegadas da transformación, recuperar e restaurar a paisaxe e gozar dun dos máis belos regalos da auga: as zonas húmidas de interior.

 

 

Flora das brañas e a lagoa

A lagoa transfórmase co tempo. A medida que evoluciona as bandas de vexetación invaden a auga libre e as súas beiras. Nas brañas adoitan existir especies vexetais típicas adaptadas ao encharcamento do terreo. Algunhas son exclusivas deste medio.

Ler máis...

Invasión animal!

Unha vez recuperadas as beiras e instaladas as plantas, houbo que esperar moi pouco a que chegasen os animais. A algúns deles, como os anfibios, foi necesario facilitarlles especialmente as cousas. A maioría chegaron polo seu propio pé. ¡Ou polas súas propias ás!

Ler máis...