Centro

 

Tanto a aula da natureza como o centro de interpretación están instalados nun edificio de dúas plantas (baixo e soto) situado xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa naturalizada.

Arredor do edificio que alberga a aula e o centro existe un contorno recuperado cuxo principal compoñente é a lagoa. Este lugar foi acondicionado con pasamáns, áreas de descanso, pasarelas e un firme adecuado para poder realizar un itinerario de observación arredor da lagoa.

A lagoa, o seu contorno e o centro ocupan unha superficie total de aproximadamente 18.100 m2, dos cales 4.060 m2 corresponden a zona de beira.

Antigamente existía aquí un xacemento de barro (barreira) do que se extraía ese material para utilizalo na industria cerámica. As extraccións deron lugar a un profundo oco no terreo que, pouco a pouco, se foi enchendo de auga, converténdose nunha lagoa.

Antes de se encher con auga, construíuse un edificio no centro do xacemento. Hoxe en día esta construción de planta baixa e soto é a Aula da Natureza e o Centro de Interpretación de Brañas de Valga .

Agora a lagoa é unha masa de auga rodeada dun bosque de ribeira con diferentes especies arbóreas, como son: bidueiro, salgueiro, freixo, etc. Xunto a este bosque, medra unha importante diversidade de plantas acuáticas (espadanas, xuncos, mentas…) ou ruderais (silvas, acedas…).

Debido á variedade de hábitats que ofrecen, a lagoa e o seu contorno son escollidos por unha gran diversidade de animais e plantas para vivir. Aquí atopan condicións óptimas para alimentarse, medrar e reproducirse.

Contidos da aula-centro
 
Exposición sobre o medio natural das brañas (Planta baixa)

Está composta por paneis interpretativos con abundante información sobre diferentes aspectos naturais das brañas e a fauna e flora das zonas húmidas, así como sobre o valor ecolóxico das brañas.

Aula taller-laboratorio (Planta baixa)

Esta aula é un pequeno laboratorio para realizar estudos e experiencias prácticas. Presenta unha capacidade orixinal de 40 participantes.

Aula de oleiría de Galicia. (Planta baixa)

Esta sala acolle cunha ampla exposición das catro oleirías existentes en Galicia. Conta con varios paneis explicativos e un gran número de pezas de barro.

Aula de exposicións temporais (Planta baixa)

Está destinada a pequenas exposicións temporais. Nela tamén se poden realizar pequenas proxeccións e diferentes dinámicas educativas.

Centro da arxila (Soto)

Conta con mostras de cerámica, mostras de aplicacións da arxila e unha serie de paneis sobre a historia da cerámica en Galicia, as técnicas de elaboración de diferentes produtos cerámicos, etc.