Ruta de Sendeirismo Homologada da Fraga aos Muiños

Obxectivos e características principais

A ruta de sendeirismo homologada da Fraga aos muíños foi deseñada para a posta en valor da paisaxe e do patrimonio natural, histórico, arquitectónico e etnográfico do concello de Mesía. O obxectivo é converter todos estes recursos nun instrumento útil para o tempo libre dos cidadáns e mesmo nun reclamo turístico, ao figurar no catálogo de rutas de sendeirismo homologadas.

Identificada a nivel autonómico como PR-G 117, o seu inicio sitúase no lugar dos Ricos (Visantoña) e o remate na Ponte Carballa (Olas). Ten unha lonxitude total de 13.450 metros e un desnivel neto de 98 metros, xa que parte dos arredor de 400 metros de altitude sobre o nivel do mar e remata en pouco máis de 300.

A ruta está considerada de nivel de dificultade baixo. O tempo estimado para completar o seu percorrido é de arredor de tres horas e media. Evidentemente, é un tempo variable segundo a velocidade que lle impriman os camiñantes e pode alongarse ou acurtarse en función das pausas que efectúen para deterse nos diversos puntos de interese situados ao longo da ruta.

Dentro do proxecto foron rehabilitados, total ou parcialmente, os catro muíños tradicionais de auga situados ao longo do percorrido da ruta: o da Ribeira, o de Queiroa, o do Batán e o da Cubela. Nos paneis informativos figuran ilustracións e textos descritivos dos elementos arquitectónicos dos muíños e do seu valor patrimonial e etnográfico, derivado da utilidade económica e social que tiñan hai só unhas décadas.

Outro dos grandes atractivos da ruta de sendeirismo homologada do Concello de Mesía son as paisaxes agrarias e forestais propias da zona, con proliferación de especies de flora e fauna autóctonas. Destaca ademais que para unha boa parte do seu percorrido recuperáronse sendas e camiños antigos.

Percorrido

De feito, o inicio da ruta é o camiño antigo da Fraga. Adéntrase na Chousa de Fóra, O Coto, a Chousa do Abellón, Roxos do Medio, O Petón e Roxos de Abaixo, ata chegar á parte do Torreiro. A partir de aí diríxese aos Campos da Piña e ás Ganzas, aproximándose ao Alto das Pías e descendendo logo cara ao Tello. Nesta zona atópase o primeiro dos catro muíños enmarcados na ruta, o da Ribeira. O traxecto avanza despois pola Redonda e As Chousas.

 

Muiño da Ribeira
Muiño de Queiroa
Muiño do Batán
Muiño da Cubela

Neste punto, a ruta abandona Visantoña e entra xa na parroquia de Olas. Por pistas forestais, pasa preto da aldea de Queiroa, descende polo Novío e vai ata o muíño de Queiroa. Movido tamén pola auga do río Traveso, non moi lonxe atópase o emblemático muíño do Batán, situado no fondo dunha vagoada coroada polo Castro de Olas, á súa vez próximo á aldea de Soutelo. De todos os xeitos, o traxecto avanza parello ao río para chegar ao cuarto muíño do percorrido, o da Cubela, e logo emprende o camiño cara ás aldeas da Carballa e de Leborís para proseguir de seguido no derradeiro treito ata a área recreativa da Ponte Carballa, a carón do río Samo, onde remata a andaina.

Facendo clic sobre a imaxe que ilustra este texto, dun dos paneis informativos instalados na ruta, pode verse ampliado e observar con máis detalle o percorrido. Tamén se pode visualizar e descargar un mapa facendo clic aquí (documento tipo jpg, tamaño aproximado 250 kb).