ABERTO ATA O 19 DE DECEMBRO O PRAZO PARA SOLICITAR UNHA DAS TRES PRAZAS DA CAMPAÑA PROVINCIAL DE ESQUÍ 2015

Xov, 27/11/2014

O Concello de Mesía abre o prazo para solicitar unha das tres prazas dispoñibles na campaña de esquí 2015 da Deputación da Coruña. As solicitudes pódense presentar nas oficinas municipais ata o 19 de decembro, aínda que a actividade terá lugar do 20 ao 22 de febreiro de 2015, a quenda que lle correspondeu a Mesía. Poden participar nesta campaña os rapaces e rapazas que naceran nos anos 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005. Se as solicitudes presentadas son máis de tres, as prazas serán asignadas en sorteo público. O custo da actividade é de 60 euros, que se pagarán no proceso posterior de inscrición. Ese prezo inclúe o transporte, a estadía e manutención en hotel na estación invernal de Manzaneda, a monitoraxe, as clases de esquí, os seguros, o alugamento de material (incluído o casco), os remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as diversas actividades e cursos programados. Para a solicitude, cómpre entregar a ficha de preinscrición debidamente cuberta e asinada por un proxenitor ou un titor do solicitante, unha foto tipo carné, a fotocopia da tarxeta sanitaria, o carné de identidade ou fotocopia do libro de familia, e certificado médico no caso de tratamentos ou doenzas que se deban ter en conta. Cando a praza estea confirmada, tamén haberá que entregar copia do aboamento da cota de inscrición. Tal como estableceu a Deputación, unha vez asignadas as prazas e recompilada a documentación, será o Concello quen lle trasladará a listaxe de participantes á administración provincial. A estadía comezará o venres, nun punto de saída e un horario que se lles confirmará aos participantes no seu momento. O regreso será o domingo tras o remate do curso da tarde. A Deputación recomenda acudir con guantes, gorro, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou semellante, pixama, roupa interior, roupa de rúa, equipamento deportivo como camisetas, pantalóns, calcetíns, chancletas de ducha, chándal e zapatillas de deportes, toallas de baño, útiles de aseo, crema protectora de sol cun factor mínimo de 15, chuvasqueiro, unha mochila pequena, bañador, toalla, gorro e gafas para piscina. Para consultar o tríptico no que figura toda a información e a ficha de preinscrición pode premer aquí.