ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE DE BALDE NA IV CARREIRA DO CONCELLO DE MESÍA, QUE SE DISPUTARÁ O 13 DE SETEMBRO

Xov, 17/07/2014

A IV Carreira Concello de Mesía, programada para o sábado 13 de setembro, xa ten aberto o prazo de inscrición, que ten carácter gratuíto. Rematará o día anterior, o venres 12 de setembro, a mediodía.

Inscricións

As inscricións poden formalizarse no correo electrónico mjgrobas@hotmail.com. Deberán incluír nome e apelidos, DNI, data de nacemento completa, xénero, lugar de procedencia e club no que se compite, de ser o caso. Tamén hai que expoñer a proba na que se desexa participar e acompañar autorización, no caso de menores.

Carreiras

A carreira xeral, de doce quilómetros de lonxitude con alternancia en circuíto de terra e asfalto, comezará ás 18:00 horas, con saída desde o campo de fútbol municipal en Visantoña. Dez minutos despois sairán os participantes na Minicarreira Popular Concello de Mesía, de seis quilómetros de lonxitude. Ás 19:15 horas, sairán as carreiras das categorías de base, comezando pola cadete e rematando pola pitufo.

Os participantes poderán recoller os dorsais entre as 17:00 e as 17:30 horas do 13 de setembro.

Categorías

Por categorías, a IV Carreira (a de 12 km) comprende sénior (18 a 34 anos), veteranos-as A (35-44 anos), veteranos-as B (45-54 anos), veteranos-as C (55-64 anos), veteranos-as D (65 anos ou máis). A MiniCarreira contará con sénior (17 a 34 anos), veteranos-as A (35-49 anos) e veteranos-as B (50 anos ou máis).

En canto ás carreiras de base, serán estas: 200 metros en pitufos-as (5 anos ou menos), 800 metros en benxamíns (6 a 9 anos), 1.600 metros en alevíns (10 a 13 anos), e 3.000 metros en cadetes (14 a 17 anos).

Premios e colaboracións

A organización entregará trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría en cada carreira, e tamén ao corredor de maior idade, sexa masculino ou feminina.

No traxecto, os corredores disporán de avituallamento. Ao final das probas, tamén se servirán uns petiscos para repoñer forzas.

Colaboran neste vento deportivo: Mesón Novo, Eroski, Carpintería Ramón García, Autoservizo Xelo, 'A Fonte' do Mesón do Vento, Panadería Sánchez de Abellá, Restaurante Manteiga de Visantoña, Eurofruit, Froitas Hermanos León, A Tenda dos Queixos, Progando, Panadería Boga, Casa Zapateiro, Pascual, Pinturas Tocho de Betanzos, Coca-Cola, Panadería Gende, Panadería A Telleira, Argal, Panadería Visantoña, Cooperativa Central, Club Atlética A Silva, Casa Grande de Xanceda, Panadería Pedro Fernández, Restaurante Canaima e Celega.