O Camiño Inglés

Debemos destacar o paso do Camiño Inglés, ruta que saía da Coruña con dirección a Compostela, e que adquiriu maior importancia na etapa baixo-medieval (a partir dos séculos XIII-XIV), sobre todo nas peregrinaxes á cidade do Apóstolo.

Esta vía conflúe cun dos antigos camiños de Betanzos na parroquia de Bruma, que ten a particularidade de ser un enclave de Mesía rodeado por territorio do concello de Ordes, fisicamente distanciado do resto do termo municipal.

Neste lugar existe unha poboación chamada “Hospital” que indica a existencia dun antigo hospital de peregrinos xa no século XII, tal e como se documenta na inscrición dun tomo da catedral de Santiago onde se fai constar unha doación de "IPSIUS HOSPITALIS DE GRUMA” en 1175.

Na actualidade este 'hospital' é usado como albergue de peregrinos. Conta cunha capacidade de 20 prazas, cociña-comedor, sala e aparcadoiro de bicicletas.

Non hai máis albergues públicos con carácter estable ata chegar a Compostela.