O CONCELLO ORGANIZA UNHA SAÍDA AO LAGO DAS PONTES

Lun, 21/07/2014

O Concello de Mesía organiza unha saída ao lago artificial das Pontes para o venres 8 de agosto. Poderán participar persoas de todas as idades, aínda que os menores de dez anos terán que acudir cun acompañante. O prezo da actividade é de 5 euros. As inscricións xa se poden formalizar na Casa da Cultura antes do 5 de agosto. O límite de prazas para esta viaxe é de cincuenta, que se cubrirán por orde de inscrición e con preferencia para as persoas empadroadas en Mesía. Pola mañá, a viaxe percorrerá diversos lugares de interese do municipio das Pontes. A mediodía, haberá unha parada para xantar nunha área recreativa. Pola tarde, será o momento da visita ao lago artificial, creado sobre o oco da mina da que se extraeu o carbón durante décadas para a central térmica de Endesa. O lago, convertido en paraxe natural, conta cunha praia apta para o baño, polo que o Concello recomenda levar crema solar protectora, ademais de sombreiro, gorro ou viseira, xunto coa comida da casa para xantar na área recreativa.