Historia

Idade Media

Mesía, pola súa situación territorial, ostentou durante a Idade Media a categoría de enclave estratéxico moi codiciado polos señores feudais laicos e polos eclesiásticos.

A súa importancia histórica débese en gran parte ao seu carácter fronteirizo e á súa situación privilexiada, estando percorrida e segregándoa por importantes vías de comunicación que unían as Mariñas con Santiago de Compostela, e polas que discorría a circulación dos comerciantes europeos que descargaban as súas mercadorías nos portos brigantinos.

Distintos camiños de Mesía foron utilizados nos albores da Idade Media polos viaxeiros que circulaban preferentemente pola vía que sae de Betanzos cara a Santiago atravesando o centro do noso termo municipal, no que debemos destacar tamén o paso do Camiño Inglés, ruta que saía da Coruña con dirección a Compostela.

As loitas polo poder e o dominio destas terras marcaron unha etapa histórica da que foi testemuña de excepción a torre-fortaleza de Mesía (finais do S. XIII-XIV), hoxe en ruínas, pero digno vestixio dun pasado activo e guerreiro.

Antigo Réxime

Remontándonos ao Antigo Réxime, neste tempo as parroquias do concello dependían case todas da xurisdicción de Mesía, provincia de Santiago e ao Señorío de Ab. E X.O. polo Rvdo. Arcebispo de Santiago, agás Xanceda que no Señorío figuraba tamén D. Juan Pimentel e a parroquia de Cabrui pertencía á xurisdicción de Sobrado e ao Señorío S.E. e X.O. polo Mosteiro de Sobrado orde de San Bernardo, provincia de Betanzos.

Cando se establecen os primeiros concellos constitucionais, na repartición que fai a Deputación de Galicia, daquela única, o concello de Mesía ten once parroquias adscritas pertencentes ao partido xudicial de Poulo.

No 1822, unha vez feita a división de Galicia en catro provincias, Mesía segue formando parte do partido xudicial de Poulo pero xa pertence á provincia da Coruña.

Na división municipal do 23 de xullo de 1835 pasa a formar parte do partido xudicial de Ordes e nun documento publicado no BOPCO con data do 27 de abril do 1836 figura o concello cunha parroquia máis, a de San Pedro de Ardemil, segregándolla o 6 de xuño do mesmo ano, quedando o concello coas doce parroquias que ten na actualidade.

En 1842 houbo unha proposta de redución de municipios onde o de Mesía, Frades e parte do de Oroso pasarían a formar parte do novo concello de Vitre e Bruma; pertencería a Ordes pero iso quedouse en proposta xa que nunca se levou a cabo. Volvendo a falar do partido xudicial, no 1965 suprímese o de Ordes e pasamos a depender do de Santiago ata o ano 1988 que se restablece o de Ordes. No tempo dos xulgados comarcais, creados no 1945, Mesía tamén contou cun do que dependía o xulgado de paz de Frades.

Mesía forma parte da Mancomunidade Intermunicipal de Ordes dende o D.G.C. de 1976.

Século XIX

Este século foi testemuña dun triste acontecemento na parroquia de Mesía, durante a Guerra da Independencia contra os franceses, cando o día trece de febreiro de 1809 as tropas de Napoleón arrasaron e queimaron a capela de Arxán e fusilaron a trece veciños que foron soterrados, de primeiras, nunha fosa común dentro da igrexa.

Capitalidade

A capitalidade do concello sufriu varios cambios. No 1860 estaba na Puebla, no 1900 na Vila, no 1910 en Xancedavella, pasando a estar outra vez na Puebla no 1920 ata o 1981. No Nomenclátor deste mesmo ano figura a Puebla como capital do concello mentres que o xulgado e a casa consistorial están en Xanceda, sen ter tramitado o expediente de cambio de capitalidade, polo que é esta unha situación de feito máis que de dereito.

A Casa do Concello

O edificio consistorial foi inaugurado no ano 1955 no lugar de Campo das Mentiras, en Xanceda.

É un edificio de planta cadrada e cuberta a catro augas. Posúe unha escaleira de acceso ao edificio que consta de dous andares: no primeiro ten o pórtico de dobre arco de medio punto ao frente e un arco de medio punto en cada lateral e no segundo o balcón municipal, con baranda de ferro e decoración xeométrica. No máis alto da construción e no centro, levántase un pequeno ático que contén o escudo coroado, nun frontón triangular.

Nome, Escudo e Selo

O nome do concello procede da parroquia de San Cristobo de Mesía. O escudo heráldico, onde figura a torre do Castelo de Mesía, é o mesmo que xa había no 1838. No ano 1857 constitúese un selo para uso da Alcaldía e no 1865 constrúese outro para uso da Xunta Local de 1ª ensinanza de Mesía.