AXUDAS ADQUISICIÓN E INSTALACIÓN DE RECEPTORES DA TELEVISIÓN DIXITAL

Mar, 20/02/2024


O Concello de Mesía informa de que a Xunta de Galicia publicou no DOG núm. 33, do 15/02/2024, a convocatoria de subvencións, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación do sinal de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia.

As subvencións destinaranse a cubrir investimentos para o receptor Sat-TDT que se realicen en T-fogares situados en zonas en risco de exclusión dixital, para asegurar a correcta recepción e decodificación, polo menos, dos sinais de Televisión dixital dos servizos radiodifundidos en alta definición HD.
 

Para que os investimentos sexan subvencionables deberán ser adquiridos a través dunha empresa instaladora de telecomunicacións T-instalador.

O importe máximo da axuda para adquirir o receptor Sat-TDT para T-fogares de vivenda habitual será de 400,00 euros; por cada T-fogar de segunda residencia o importe máximo será de 200,00 euros.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de maio de 2024.

Máis información na propia convocatoria, no documento anexo ou chamando ao concello ao 9816870001.

 

Arquivos: