CONVOCADAS AS AXUDAS PARA A INCORPORACIÓN DE XÓVENES Á ACTIVIDADE AGRARIA, QUE SE PODEN SOLICITAR DURANTE UN MES

Ven, 23/01/2015

O Concello de Mesía informa de que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para a incorporación de xóvenes á actividade agraria. A orde de subvencións, que conta con cinco millóns de euros en total, está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), nunha porcentaxe do 75 %.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir de mañá, por ser o día posterior ao da publicación da orde no diario oficial.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas que non figuran nin figurasen inscritas como titulares de explotacións agrarias no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, que se instalen nunha explotación agraria prioritaria e que teñan cumpridos os 18 anos no momento da solicitude da axuda. A idade máxima para a solicitude é de 40 anos.

Así mesmo, deberán acadar a condición de agricultor profesional, posuír o nivel de capacitación profesional suficiente no intre da solicitude da axuda e instalarse nunha explotación agraria que requira un volume de traballo equivalente polo menos a unha UTA (Unidade de Traballo Agrario).

Tipo de axudas

A axuda á primeira instalación de agricultores mozos, dirixida a auxiliar gastos e investimentos derivados, poderá consistir nunha prima por explotación, cunha contía máxima de 20.000 euros. Outra opción pode ser a bonificación de xuros, que poderá aplicarse sobre o xuro preferente na súa totalidade, por un importe non superior a 20.000 euros. Non obstante, ambas liñas non poderán superar os 48.000 euros nin o importe dos gastos e investimentos da instalación realizados.