Declaración institucional en contra da instalación de parques eólicos no seu territorio asinada polos concello de Frades, Mesía, Ordes e Oroso.

Mér, 09/05/2018
ParqueEólico_Non

Os alcaldes de Frades, Mesía, Ordes e Oroso veñen de emitir conxuntamente unha declaración institucional en contra da instalación de parques eólicos no seu territorio.

No escrito poñen de manifesto a súa repulsa á instalación dos Parques Eólicos do Monte Inxerio (Ordes e Cerceda) e Gasalla (Frades e Mesía) promovidos pola empresa Green Capital Power.

Destacan entre outras problemáticas o rexeitamento xeneralizado na poboación que suscita a instalación dos aeroxeradores e o seu efecto na paisaxe e a contaminación acústica. Sinalan que se trata “dun territorio maiormente marcado polo seu óptimo aproveitamento rural, agrícola, gandeiro e forestal”, polo que o cualifican de “non axeitado tanto para a instalación de parques eólicos como para as infraestruturas paralelas que levan aparelladas”. Consideran “inadmisible e inaceptable a colocación de aeroxeradores nas localizacións propostas, dada a afección que suporá para unha poboación residente en núcleos rurais diseminados ou en vivendas illadas”. Insístese en que cuestións como o chamado “efecto sombra, a reflexión solar ou o ruído, capaz de afectar tanto ao oído humano como ao seu sistema nervioso, resultarán nocivos para a saúde de veciñas e veciños”.

A continuación reprodúcese a declaración institucional:

Nas pasadas semanas a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Secretaría de Estado de Medio Ambiente tivo en período de consultas a avaliación do impacto ambiental de cadanseus proxectos de parques eólicos promovidos pola empresa GREEN CAPITAL POWER, S.L.; coñecidos como Ardemil  (P-EOL 221) e A Pobra (P-EOL 224). Na actualidade xa se remitiu unha copia por parte dos representantes en Galicia, tanto ao Concello de Ordes como ao Concello de Mesía, da desistencia das solicitudes presentadas para as referidas autorizacións administrativas dos dous parques eólicos mencionados.

Actualmente a mesma empresa efectuou unha solicitude ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria de polo menos 2 novos parques na comarca, pois se están a tramitar na Dirección Xeral de Enerxía e Minas expedientes de autorización administrativa previa á construción de dous PARQUES EÓLICOS – os denominados MONTE INXERIO (Ordes e Cerceda) e GASALLA (Frades e Mesía)- na Comarca de Ordes, promovidos por Green Capital Power ao amparo da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203 de 25 de outubro de 2017), sen que ata a data actual se enviase comunicado oficial a ningún dos Concellos afectados.

Os efectos da instalación dos aeroxeradores na poboación, na paisaxe e a contaminación acústica que ocasionan están a xerar un importante rexeitamento das veciñas e dos veciños destes concellos, cun territorio maiormente marcado polo seu óptimo aproveitamento rural, agrícola, gandeiro e forestal; o que suscita adoptar un criterio razoable de que nos atopamos en espazos territoriais non axeitados para a instalación de parques eólicos e as infraestruturas paralelas que levan aparelladas.

Se atendemos as localizacións e características dos elementos de cada un destes parques eólicos, e analizando as localizacións propostas pola promotora, resulta inadmisible e inaceptable a colocación destes aeroxeradores, dun xeito significativo e relevante pola súa afección á poboación, dado que en concellos como os nosos, cuxos núcleos rurais de asentamento se encontran moi diseminados, ou inclusive coa existencia de vivendas illadas, a pretendida localización destes é moi próxima ás vivendas, a pesar de tratar de xustificar os 500 metros que marca o plan eólico galego. O efecto sombra, a reflexión solar e o ruído, capaz de afectar tanto ao oído humano como ao seu sistema nervioso, resultarán nocivos para a saúde das veciñas e dos veciños.

Estudos existentes afirman que os campos electromagnéticos asociados a este tipo de parques afectan á saúde ambiental e á calidade de vida nun radio de 10 km, creando unha zona escura que afecta as transmisións, xerando interferencias e serios problemas nas comunicacións.  

Ademais, non podemos obviar que a transformación da paisaxe resulta irreversible dada a orografía do terreo do noso contorno, tanto polo tamaño dos aeroxeradores como polos demais elementos do parque (edificacións auxiliares, vías internas, rede eléctrica etc). Igualmente a avifauna vese seriamente afectada, pola afección non só do seu hábitat senón tamén dos seus costumes, así coma das consecuencias negativas para o solo e a auga.

En canto ás figuras de protección medioambiental, cómpre recordar que na nosa comarca se atopa: o espazo protexido LIC río Tambre así como espazos de Rede Natura; espazos naturais de interese local de acordo co disposto na Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza; parte do espazo sitúase dentro da Reserva da Biosfera denominada “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”; así como o trazado do Camiño de Santiago (Camiño Inglés).

Para rematar, cómpre engadir que nos atopamos nunha comarca cunha alta porcentaxe de terreos sometidos a procesos de concentración parcelaria, que no caso de Frades, Mesía e Oroso aproxímase ao 100% do seu territorio, e en Ordes supera o 80%; e que no caso concreto dos dous parques mencionados afecta integramente a terreos cun alto potencial de aproveitamento do solo, ben sexa nas terras de labor desde o punto de vista agrícola e gandeiro, como nas terras a monte para un óptimo aproveitamento forestal.

Polo exposto, propóñense por parte dos Concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso os seguintes ACORDOS:

Manifestar a súa repulsa á instalación dos Parques Eólicos do MONTE INXERIO e GASALLA promovidos pola empresa Green Capital Power ou a calquera outro que se pretenda instalar nos concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso, por considerar que afecta gravemente ás propiedades da veciñanza, á súa calidade de vida, á súa saúde, á paisaxe, á avifauna, ou contravir as normas técnicas de planeamento urbanísticos e lexislación vixentes.

Instar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a que reforme o Plan eólico de Galicia e que declare aos Concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso territorio libre de parques eólicos, e elimine a franxa eólica que abrangue aos ditos concellos dentro do Plan Sectorial Eólico de Galicia.

Dar traslado do presente acordo ao Parlamento Galego, ao Congreso dos Deputados, á Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, Consellería de Medio Rural, e Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio), así como ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, e ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.