A DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA E O ALCALDE DE MESÍA COMPROBAN A REPARACIÓN DE VARIOS CAMIÑOS NO MUNICIPIO

Lun, 16/06/2014

A delegada territorial da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, comprobaron esta mañá a reparación de varios camiños no municipio. O investimento, no que o Concello recibiu 74.431 euros, forma parte do Plan Marco de Mellora de Camiños de titularidade municipal que desenvolve a Consellería do Medio Rural e do Mar. Na visita, na que tamén participou o xefe territorial da Consellería, comprobaron a execución de varios dos proxectos incluídos no plan. As melloras acometéronse sobre todo en vías da parroquia de Cabrui: desde o cruce de Mou ata a estrada xeral en Cova de Vales, co lugar do Río, coa Gándara ata o cruce da escola, con Vilardevesa, con Cova de Vales, e coas Foucellas ata Tieira Grande. Do Campo destacou que as obras visitadas permiten "mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e constribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais". A responsable autonómica ofreceu colaboración institucional co Concello de Mesía. O alcalde de Mesía concordou na necesidade de que as distintas administracións públicas traballen en conxunto para darlles solución ás necesidades dos cidadáns.