DESDE ESTE MARTES 27 PODEN SOLICITARSE AS AXUDAS AUTONÓMICAS PARA IMPLANTAR CALDEIRAS DE BIOMASA

Mar, 27/01/2015

O Concello de Mesía informa de que desde hoxe, martes 27 de xaneiro, xa se poden presentar as solicitudes de apoios para a instalación de caldeiras de biomasa, convocados polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) no Diario Oficial de Galicia de onte.

Esta liña de axudas está especialmente dirixida ao ámbito rural e dela poden beneficiarse fogares, empresas e administracións públicas. Como novidade, os beneficiarios das axudas para a compra destas caldeiras contan este ano cunha dedución do 5 % na súa declaración da renda. Con esta bonificación fiscal, trátase de fomentar a instalación de equipos de climatización ou auga que empreguen fontes renovables.

Os apoios poden chegar ata o 75 % do custo do proxecto, cun máximo de 200.000 euros. Segundo o INEGA, os equipos térmicos que empregan a biomasa como combustible obteñen aforros económicos superiores ao 50 %. Estímase que unha caldeira de biomasa diminúe en preto de 700 euros o gasto en combustible nunha economía familiar con respecto ao gasóleo, aínda que o recente descenso do prezo do petróleo pode facer variar esta cifra. Nun edificio do sector servizos que instale unha caldeira con capacidade para atender a súa demanda térmica, o valor do aforro sería duns 13.000 euros. E nunha industria chegaría aos 130.000 euros anuais.

As peticións de axudas poden tramitarse a través da web do INEGA.

Pode consultar a convocatoria no DOG facendo clic aquí.