Entrega títulos concentración parcelaria de Visantoña

Mér, 10/08/2016

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo entrega esta mañá dos títulos da concentración parcelaria de Visantoña, no concello coruñés de Mesía, dando así por finalizado este proceso. Esta reorganización territorial afecta a unha superficie de 750 hectáreas e beneficia 579 veciños.

A conselleira, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde da localidade, Mariano Iglesias, destacou a importancia destes procesos reorganizativos do territorio, xa que redundan nunha mellora da calidade de vida dos veciños ao verse mellorada as infraestruturas nas que viven. Neste senso, destacou que das 3.950 parcelas iniciais pasouse a ter 917 novas predios, aumentando a superficie media de cada parcela en preto do dobre.

Este incremento territorial beneficia directamente ás explotacións agrogandeiras da zona, xa que permite ampliar a base territorial das mesmas e reducir así custos de produción. Por iso, salientou a conselleira, a reestruturación parcelaria é fundamental para que o agro galego siga estando vivo e sexa unha opción de futuro.

Este concello coruñés ten un total de 10.707 hectáreas, das que o 88% xa están concentradas. Neste senso, xa están rematados un total de 11 procesos reorganizativos -contando co de hoxe- e 1 en fase de acordo. Ademais, está solicitado un novo proceso para a zona de Bruma.

Vídeo conselleira do Medio Rural

Galería de imaxes: