O CONCELLO DE MESÍA PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS E CULTURAIS PARA O VERÁN 2014

Lun, 16/06/2014

O Concello de Mesía presenta a súa programación de actividades deportivas, lúdicas e culturais para o verán 2014, cunha ampla oferta de propostas para todas as idades. O prazo de inscrición para as escolas de verán remata o 30 de xuño. As escolas desenvolveranse regularmente entre o 7 de xullo e o 30 de agosto.

O primeiro capítulo da programación de Mesía é o das escolas de verán e campus infantís. Está conformado por dous niveis de aprendizaxe de natación, o campus Coca-Cola de fútbol, o campus Coca-Cola de pádel e o campus Coca-Cola de tenis. Ademais, ofértanse o campamento de verán Xoecon do 7 ao 24 de xullo, o programa Respira Mesía do 4 ao 14 de agosto.

En canto ás actividades e escolas para xóvenes e adultos, no ámbito deportivo comprenden clases de tenis, clases de iniciación ao pádel, sesións de aquagym, iniciación á natación, clases de aeróbic e zumba, ximnasia de mantemento, pilates e cachibol de verán. No que concerne ás propostas culturais e lúdicas, o programa contén clases de patchwork e un obradoiro de produtos de limpeza co programa 'Eco-Baúl'.

O apartado de accións específicas para a xuventude contén un obradoiro de fimo, un cursiño de iniciación á cociña, unha saída multiaventura de un día, outra saída de multiaventura de dous días, e o adianto do programa de voluntariado para 2015.

A programación anticipa tamén os eventos deportivos para o verán, tales como o VII Torneo de Tenis (do 5 ao 30 de agosto), a Festa da Auga e da Escuma (23 de agosto), a IV Carreira Popular e a MiniCarreira Concello de Mesía (13 de setembro) e o Torneo Interparroquial de Fútbol (31 de agosto).

Como saídas para as vindeiras semanas, están programadas xa dúas ao parque acuático de Cerceda, os días 14 e 21 de xullo, e outra ao lago das Pontes (8 de agosto).

O Concello tamén anima a participar na Carreira da Muller da Coruña, colaborando a favor da loita contra o cancro. Terá lugar na cidade herculina o 21 de setembro. A inscrición ten un prezo de 10,60 euros, integramente a favor da causa solidaria. Se se reúnen un mínimo de trinta persoas participantes, o Concello fletará un autobús, cun prezo de 5 euros por persoa.

Este verán volve ademais o programa Imos á praia, con saídas todos os xoves dos meses de xullo e de agosto, as habituais paradas nas parroquias e un custo de 5 euros por persoa e día.

Finalmente, no capítulo de formación, a programación estival presentada hoxe informa do curso de obtención para o título da ESO e dun curso CAP para transportistas, previsto para os días 30 e 31 de agosto e 6 e 7 setembro.

Toda a información detallada de cada actividade na programación de verán do Concello de Mesía.

Obteña a ficha de inscrición.