O CONCELLO DE MESÍA ABRE ATA O 30 DE SETEMBRO A INSCRICIÓN PARA AS ACTIVIDADES MUNICIPAIS DO CURSO 2015-2016

Xov, 17/09/2015
Programación Actividades

O Concello de Mesía abre desde hoxe, xoves 17 de setembro, ata o mércores 30 de setembro, o prazo de inscrición para as súas actividades municipais do curso 2015-2016. Pódese consultar aquí o programa completo e pode obterse aquí a folla de inscrición. Non se admiten anotacións por vía telefónica. As clases comezarán a partir do luns 5 de outubro.

Como sempre, a programación ofrece unha ampla variedade de propostas culturais e deportivas para a infancia, a xuventude, a poboación adulta e a terceira idade. Dálle continuidade ás actividades xa asentadas na programación pola súa execelente acollida entre a veciñanza e presenta novidades para atraer novos participantes, atendendo sempre ás suxerencias presentadas pola cidadanía ao longo do curso.

Infantil
En canto á infancia, a programación deportiva inclúe xogos psicomotores, iniciación ao judo, pequebaile, iniciación á patinaxe, patinaxe artística, deporte divertido (baloncesto, badminton, voleibol, rugby cinta, balonmán, hockei, atletismo, ximnasia deportiva...) e dous niveis de aeróbic. Na parte cultural, as propostas son o programa Preescolar na Casa, que convoca unha reunión informativa o 23 de setembro ás 11 horas na Casa da Cultura, música e aprendizaxe de inglés.

Adultos
A poboación adulta pode escoller entre aeróbic-zumba, pilates, ximnasia de mantemento e ximnasia terapéutica na programación de actividades físicas. A programación cultural ofrécelles traballos con feltro, patchwork, manualidades e informática básica.

Terceira idade
Para a terceira idade, a oferta municipal recolle as xornadas semanais de cachibol, ximnasia de mantemento, e as múltiples actividades da novena edición do programa 'Tempo fóra para maiores' con sesións semanais en nove parroquias.

Outras informacións
Ademais, o boletín coa programación que xa está chegando a todos os domicilios do concello repasa outras actividades previstas para vindeiras datas, como a excursión a Vilanova da Cerveira o 17 de outubro ou unha nova entrega das saídas ao Balneario de Guitiriz, os venres 9, 16, 23 e 30 de outubro.

Tamén se avisa dun curso de manipulación de alimentos, que terá lugar o sábado 10 de outubro, e anticípase a próxima convocatoria das axudas municipais ao transporte escolar para o curso 2015-2016.

O boletín expón nas súas páxinas finais as normas de inscrición e pago e as posibilidades de exencións, descontos e bonificacións para persoas en situación de desemprego, persoas con falta de capacidade económica, persoas con discapacidade ou pola participación en máis dunha actividade.