O CONCELLO DE MESÍA DIFUNDE AS AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS

Mar, 29/12/2015

O Concello de Mesía informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios  para o período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio 2016.

A dotación orzamentaria para estas achegas é de 14,3 millóns de euros, cofinanciada nun 75% polo Feader. Para as anualidades do 2017 e 2018, o orzamento previsto é de 7 e 3,7 millóns de euros, respectivamente.

Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Beneficiarios
Poderán optar a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que realicen investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia; tales como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles -excepto a compra de terreos- e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Porén, quen precise entregar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental, no caso de proxectos de inversión que requiran declaración de impacto ambiental, terán un prazo de ata 3 meses para presentar estes documentos.