PRETO DE MEDIO CENTO DE RAPACES PARTICIPARON DURANTE O MES DE XULLO NOS CAMPAMENTOS XOECON DO CONCELLO DE MESÍA

Lun, 28/07/2014

Case medio cento de nenos e nenas participaron durante o mes de xullo nos campamentos de verán XoeCon (xogar e conciliar) do Concello de Mesía. Este conxunto de actividades comezaron o pasado 7 de xullo, con múltiples propostas lúdicas e educativas. Con este programa, o Concello prosegue coa súa liña de actuación de ofrecer programacións estables, que non se limitan unicamente a datas puntuais e que conforman así un servizo para a poboación. Ademais, o XoeCon adaptouse aos distintos tramos de idade, distribuíndo os participantes nun grupo de catro a oito anos e noutro de nove a trece anos. Unha das actividades máis innovadoras foi o obradoiro de videocreación, no que os nenos e nenas participaron activamente. Nun primeiro momento, crearon con plastilina distintas personaxes dunha historia e prepararon un escenario no que se desenvolvería a trama. Con sucesivos movementos das figuras, gravados, prepararon a montaxe audiovisual. O resultado final foron dúas películas, unha por cada grupo de idade. Vanse estrear no mes de setembro, con proxeccións na Casa da Cultura. Destacou tamén a xornada 'Augalingua', unha xincana na piscina municipal con actividades de fomento do uso da lingua galega, promovida polo departamento autonómico de Política Lingüística e na que o Concello de Mesía participa como integrante da Rede de Dinamización Lingüística. Outra xornada fixo fincapé na alimentación saudable, coa actividade 'Ponlle as pilas ao teu bocata', que pretende incentivar o consumo de conservas amosando as súas múltiples posibilidades á hora de preparar bocadillos. Especial interese suscitaron as saídas ao Aquapark deste verán. Acudiron os participantes no campamento, acompañados por familiares, e tamén outros veciños interesados en pasar unha xornada no parque acuático de Cerceda. Obradoiros de manualidades e de cociña e xogos e dinámicas de grupo foron tamén parte dos campamentos XoeCon, que concluíron cunha festa á que cada participante puido levar outro cativo invitado. A festa contou con xogos inchables, un obradoiro de globoflexia, unha sesión de baile, actividaes na piscina e unha merenda para todos.