Noticias

Lun, 22/12/2014

O Salón de Ocio Infantil e Xuvenil Xuvenlugo 2014 recibiu hoxe a visita de Mesía. Máis de cen persoas -entre nenos e nenas, pais e nais e outras persoas acompañantes- participaron na saída organizada polo Concello dentro do programa municipal de actividades de Nadal.

Dom, 21/12/2014

Preto de cen veciños e veciñas participaron hoxe na Xuntanza do Nadal organizada polo Concello de Mesía nun restaurante de Malpica. Tras un xantar con receitas propias das festas que están a punto de comezar, houbo tempo para o baile, a conversa e a diversión. Cada persoa asistente pagou 25 euros por acudir a esta actividade.

Ven, 19/12/2014

O CPI de Xanceda celebrou hoxe a súa Festa de Nadal cunha xeira repleta de actividades para o alumnado de infantil, de primaria e da ESO. A tradicional personaxe do Apalpador visitou o centro, con contacontos e reparto de caramelos para os niveis de infantil e primaria, e os estudantes da ESO tiveron ocasión de participar nunha animada sesión de Zumba de Nadal.

Ven, 12/12/2014

Os Reis Magos acudiron hoxe á Casa da Cultura de Mesía, en Xanceda, para recoller as cartas dos nenos e nenas das escolas unitarias de Montaos (Ordes) e de Olas e Visantoña (Mesía), nunha Festa de Nadal que organizaron estes tres centros educativos, coa colaboración do Concello de Mesía.

Mér, 10/12/2014
Bola Nadal

O Concello de Mesía presenta a súa programación para o Nadal 2014-2015, con múltiples propostas pensadas para todos os sectores de idade, especialmente os máis novos. As actividades pódense consultar no boletín municipal que estes días está chegando xa a todos os domicilios do municipio. Máis información en 'ler máis'.

Ven, 05/12/2014

A sétima edición do torneo solidario de fútbol sala 'Mesía contra o cancro', que se celebrará o 28 de decembro, abriu xa o prazo para a inscrición de equipos. Os interesados en participar poden contactar con elenarocamoro@concellodemesia.es antes do 19 de decembro e entregar a folla de inscrición do equipo ata o 24 de decembro. A urna de recadación a favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) xa está instalada na Casa do Concello e tamén estará situada no polideportivo municipal en Olas o día da competición. Todo o obtivo irá en beneficio da AECC. O Concello anima a colaborar coa causa solidaria.

Mar, 02/12/2014
Saída Balneario

Este luns concluíu a tanda de saídas ao Balneario de Guitiriz, organizada durante o outono polo Concello de Mesía, dentro do seu programa 'Deporte é saúde'. Participaron trinta e cinco persoas durante catro semanas.

Ven, 28/11/2014

O pleno do Concello de Mesía aprobou hoxe os proxectos que se financiarán con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) de 2015. Son obras para a ampliación da rede pública do abastecemento municipal de auga potable e para a mellora das infraestruturas de comunicación locais, por un importe superior aos 150.000 euros.

Xov, 27/11/2014

O Concello de Mesía abre o prazo para solicitar unha das tres prazas que lle corresponden ao municipio na campaña de esquí 2015 da Deputación da Coruña. As solicitudes pódense presentar nas oficinas municipais ata o 19 de decembro. A quenda que lle corresponde a Mesía para participar nesta actividade, na estación invernal de Manzaneda, é a do 20 ao 22 de febreiro de 2015.

Sáb, 22/11/2014

Os participantes nas escolas deportivas municipais e nas actividades físicas do Concello de Mesía, así como os dous equipos de fútbol federados (o Visantoña CF e o CD Mesía) implícanse na loita contra a violencia de xénero elaborando un vídeo que xa está dispoñible en youtube e que pretende difundirse masivamente a través das redes sociais. O deporte do municipio súmase así a unha campaña de sensibilización emprendida pola Mancomunidade de Ordes. O Concello de Mesía agradece todas as colaboracións para preparar o vídeo e anima á cidadanía a difundilo a través das súas redes sociais.

Páxinas